CRTVG

Buscar

O PP quere presidir a comisión parlamentaria para a reconstrución

Publicado o 21/04/2020 20:37
O PP quere presidir a comisión parlamentaria para a reconstrución

A comisión do Congreso en que deben negociarse as medidas para a reconstrución de España tras a crise do coronavirus non puido crearse este martes ao non existir aínda un acordo sobre o seu deseño, a súa composición e as súas funcións. Os grupos parlamentarios decidiron darse uns días para definila con idea de que empece a traballar a próxima semana. 

Os voceiros dos grupos do Congreso recibiran unha mensaxe do Goberno para que reservasen hora e media este martes, entre as 12:30 e as 14:00 h, con idea de celebrar unha videoconferencia para poñer en marcha a mesa de partidos de que viña falando con vistas a uns novos pactos da Moncloa.

Con todo, e tras a conversa do luns do presidente Pedro Sánchez co líder do PP, Pablo Casado, cambiouse o guión e para canalizar ese diálogo decidiuse apostar por un órgano parlamentario no ámbito do Congreso.   

Iso si, os dous grandes partidos non acabaron de concretar o formato, nin sequera se se aproveitará unha comisión xa existente, se creará unha nova, ou se optará por outro órgano, tipo subcomisión de estudo como a que alumou o acordo contra a violencia machista. 

Nese contexto, o Goberno delegou a decisión na Mesa do Congreso, que este martes tiña xa fixada unha reunión.

O artigo 53 do Regulamento do Congreso establece que a creación de Comisións non Permanentes poderá acordala a Mesa da Cámara "por iniciativa propia, de dous Grupos Parlamentarios ou da quinta parte dos membros da Cámara". En todo caso debe analizarse antes o asunto na Xunta de Portavoces, onde están representados todos os grupos.

O PP reclama a presidencia

O PP si que quixo sacar o tema na reunión dos portavoces para tentar que se acorde unha "iniciativa conxunta" e que a comisión se poña en marcha a próxima semana. Ao seu xuízo, debe ser unha nova comisión non permanente con 37 membros, como as xa existentes, e onde rexa o voto ponderado, de tal maneira que as súas decisións representen fielmente o peso de cada grupo no Pleno.   

A portavoz do Grupo Popular, Cayetana Álvarez de Toledo, aproveitou para reclamar que a presidencia da nova comisión corresponda ao PP, pois o PSOE xa preside a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado, onde tamén se vai falar da saída da crise do coronavirus, no seu caso con presenza dos gobernos autonómicos.   

No referente aos temas, o PP quere que nese foro se fale de tres grandes áreas de traballo: a saúde e as medidas sanitarias, todo o relativo á área económica e social e un terceiro bloque de liberdades públicas para garantir que esta crise non supoña restricións de dereitos. 

Álvarez de Toledo di que aceptarían sumar a idea do PSOE de incluír un tema relativo a medidas de ámbito europeo. A súa proposta non foi asumida, pero tampouco rexeitada, e á falta dun acordo, a portavoz do PP prometeu ocuparse de poñer por escrito o seu deseño de comisión e empezar a negociar cos demais grupos.