CRTVG

Buscar

O PP pide a Sánchez que "adelgace" o seu Goberno e destine o aforro á COVID

Publicado o 10/04/2020 13:01
O PP pide a Sánchez que "adelgace" o seu Goberno e destine o aforro á COVID

O Grupo Parlamentario Popular pediulle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que "adelgace" o seu Consello de Ministros, recortando vicepresidencias e unificando ministerios para, posteriormente, destinar o aforro á loita contra o coronavirus.

Na proposición non de lei (PNL) que presentou no Congreso para racionalizar a Administración do Estado, e que difundiu este venres, o Grupo Popular pide tamén que, mentres dure a crise, a maioría do Executivo prescinda de asesores que non sexan funcionarios.

Ademais de reducir vicepresidencias, os populares solicitan concretamente a Sánchez que unifique os ministerios cuxas competencias "foron artificialmente repartidas sen excesivo sentido polo seu acordo de goberno con Podemos", e citan como exemplo os de Traballo e Seguridade Social, Sanidade e Consumo, Educación, Ciencia e Universidades.

Así mesmo, o PP insta o Executivo a que suprima todos os postos de traballo do persoal eventual non funcionario que presta a súa actividade ao servizo dos vicepresidentes, dos ministros e dos secretarios de Estado.

No caso de asesores eventuais non funcionarios que traballen no Gabinete do presidente do Goberno, a redución exposta é do 50 por cento.

Finalmente, a PNL subliña que os recursos orzamentarios librados como consecuencia da redución exposta deberían ser destinados a gastos vinculados á loita contra a pandemia COVID-19.

Na exposición de motivos desta iniciativa lémbrase que o anterior xefe do Executivo, o popular Mariano Rajoy, reduciu as vicepresidencias de dúas a unha; o número de ministerios, de 15 a 13; limitou o número de asesores por ministro e secretario de Estado; e esixiu que eses postos se cubrisen maioritariamente por funcionarios.

En contraste, o texto engade que, xa no seu primeiro Goberno, Sánchez aumentou de 13 a 16 os ministerios e cualifica de "moito máis escandaloso" o aumento do gasto do Executivo na actual lexislatura, ao pasar dunha a catro vicepresidencias e de 16 a 18 ministros, co incremento que iso carrexa na estrutura do gabinete.

O Grupo Popular conclúe remarcando que "neste contexto de severa recesión económica non ten sentido manter a hipertrófica estrutura do Goberno".