O PP pide a reprobación de Iglesias e o cesamento de Garzón co apoio de Ciudadanos e Vox
O Partido Popular pediu hoxe no Congreso a reprobación do vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, e a destitución do ministro de Consumo, Alberto Garzón. Ciudadanos e Vox secundarán a moción, que se vota mañá. Os promotores da iniciativa acusan a Iglesias e Garzón de instigar ataques á coroa e ao poder xudicial.
Para José María Sánchez, de Vox, "son accións de lesa patria e accións estimuladas nun estímulo de lesa patria por quen as fai, que é o Goberno".
Guillermo Mariscal, do PP, cre que "debe ser reprobado un e cesado o outro por non defender a democracia, por atacar a Constitución desde o Consello de Ministros e por ser cómplices dunha campaña de acoso aos xuíces que os investigan".
Para Unidas Podemos, é o PP quen máis dano está causando á monarquía. Jaume Asens, de Unidas Podemos, afirmou: "Din na moción que existe unha operación de subversión da orde constitucional. É certo. O que non din é que esa operación diríxena vostedes".
Polo PSOE, a deputada Rafaela Crespín anunciou que "imos votar en contra desta moción polas mentiras vertidas e polas atitudes que están alentando. Porque, señorías, son o máis antagónico que existe ao espírito da Constitución".