PP, Vox e Ciudadanos anuncian recursos contra a concesión dos indultos
O líder do PP, Pablo Casado, confirmou que vai solicitar "a lexitimación" para presentar un recurso ante o Tribunal Supremo contra os indultos aos presos condenados polo 'procés' por considerar que é "parte afectada".
O presidente dos populares recordou o informe da Garda Civil que situaba a representantes do seu partido, entre eles el mesmo, como obxectivo dos CDR. "Eu creo que neste caso poderemos dicir que se os CDR (Comités de Defensa da República) son a continuación do 1 de outubro, aqueles que reportaban coas súas accións ao presidente da Generalitat, poderemos dicir que somos parte prexudicada", dixo nunha entrevista en Onda Cero.
O PP xa anunciara que recorrería os indultos, pero a doutrina do Supremo esixe que o recorrente xustifique un interese lexítimo e directo, que sexa prexudicado persoal e directamente polo delito cometido, non bastando que pretenda recorrer actuando como mero defensor da legalidade.
Casado dixo que "miles de cataláns pacíficos viron como os presos que están a ser indultados alentaron á violencia", e recordoulle ao presdiente do Goberno que "a convivencia e a concordia é cumprir coa lei". "Non pode haber convivencia sen lei", lembroulle.
O PSOE vaticina o "fracaso" do PP
O portavoz do PSOE no Senado, Ander Gil, vaticinou que o recurso do PP está abocado "ao fracaso", como todo o que fai con Cataluña, e pediu a Pablo Casado que "se non quere axudar, polo menos que non estorbe".
Gil considera que o PP non fai outra cousa que "persistir no erro". Atribúelle a este partido a responsabilidade pola crise institucional que vive Cataluña, de maneira que na súa "folla de servizos" deben incluírse dous referendos independentistas e a declaración unilateral de independencia.
En conferencia de prensa, o portavoz socialista defendieu a decisión de indultar aos condenados polo 'procés' porque esta medida permite comezar "un novo tempo" non só en Cataluña senón no conxunto de España.
Arrimadas: "Decisión arbirtaria"
A líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, anunciou tamén que presentarán un recurso ao Tribunal Supremo contra os indultos.
En declaracións fronte ao Parlament, Arrimadas dixo que "unha cousa é unha decisión discrecional" dun Goberno e outra "unha decisión arbitraria" e "coa única utilidade de que o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, alongue a súa estancia na Moncloa".
Segundo Arrimadas, o recurso xustificaríase en que os indultos van en contra do sentido de senllos informes de Tribunal Supremo e Fiscalía, así como porque "as persoas non só non se arrepinten, senón que anunciaron pública e repetidamente que o volverán facer".
Vox anuncia querelas
Vox irá un paso máis aló. Vai interpor unha querela ante a Sala do Penal do Tribunal Supremo "contra todos e cada un dos ministros que apoiaran no día de hoxe esta infamia", segundo explicou a súa deputada no Congreso Macarena Olona.