CRTVG

Buscar

O PP deixará a sede de Génova e fará a convención nacional en outono

Publicado o 16/02/2021 13:44

O presidente do PP, Pablo Casado, anunciou este martes que o partido deixará a súa sede da madrileña rúa de Xénova, así como a convocatoria dunha convención nacional no outono, á vez que reafirmou a súa aposta polo centro tras o mal resultado nas eleccións de Cataluña.

Casado anunciou ante o Comité Executivo do seu partido a convocatoria da convención nacional do partido, a primeira desde a celebrada en 2018 en Sevilla, anterior á moción de censura que sacou a Mariano Rajoy da Moncloa.

Ademais, anunciou que o PP deixará a súa sede nacional, situada na rúa Génova de Madrid porque ao seu xuízo non deben seguir "nun edificio cuxa reforma se está investigando".

Casado argumentou que o seu partido debe apostar "por unha rexeneración xusta sen actitudes inquisitoriais" e asegurou que o PP nunca máis dará explicacións sobre actuacións persoais do pasado.

Ademais, reafirmou a súa aposta polo "centro político" tras denunciar ataques ao PP na campaña electoral catalá.

O líder do PP atribúe parte do fracaso electoral ás novas declaracións de Bárcenas á Fiscalía e di que será a última factura que paguen do pasado. Non volverán dar explicacións por compartamentos alleos á actual dirección. E tampouco seguirán nun edificio investigado pola Audiencia Nacional. Di que cambiarán de sede pero non de rumbo e revindica o centro político.