CRTVG

Buscar

O PP cualifica o manifesto do 8-M de "propaganda da esquerda radical"

Publicado o 07/03/2019 20:06

O debate político pasa, tamén, polos preparativos do Día da Muller de mañá, unha xornada marcada polo chamamento para que as mulleres fagan folga de traballo, de consumo e tamén de coidados.  O seu ideario está recollido no Manifesto da Comisión Feminista do 8-M. Nel opóñense ás violencias machistas e denuncian que non existe verdadeira protección fronte ao patriarcado. Piden que se eduque sexualmente cunha idea de diversidade e que combata o que definen como amor tóxico-romántico. Tamén queren que os homes asuman o traballo doméstico compartido. Denuncian a desprotección das mulleres inmigrantes irregulares e a existencia de fronteiras que atribúen ao colonialismo. Neste punto, piden tamén que se derrogue a Lei de estranxeiría e se pechen os centros de internamento de estranxeiros. Apostan por un modelo económico baseado na sostibilidade e que se afaste do capitalismo. Cren que deben primar os dereitos comunitarios fronte aos intereses individuais e amosan a súa oposición ao que denominan políticas de dereitas.

O PP considera o manifesto de propaganda da esquerda radical

No PSOE din que secundan as manifestacións do 8-M porque están en sintonía coa rúa, fronte a unha dereita que, na súa opinión, nunca respaldou a igualdade.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno: "O feminismo ten contidos que non son facilmente asumibles dende posicións conservadoras. Cando fomos á loita polo divorcio, pola interrupción voluntaria do embarazo, non saíron as mulleres de dereitas".

Ciudadanos, que presentou hoxe este vídeo con motivo do 8-M, si estará na manifestación. O PP desmárcase polo contido do manifesto. Este mediodía celebraron un acto coas candidatas ás eleccións municipais e autonómicas co lema "Non falamos por ti, facemos para ti".

Pablo Casado, presidente do PP: "Non podemos compartir unha pancarta que fala dun país colonial, dunhas institucións practicamente ditatoriais. Eu creo nun feminismo que entendamos como tal, como unha igualdade de homes e mulleres. Eu non quero vivir nun país en que se enfronte o meu fillo coa miña filla".

Noticias web

07/03/2019