CRTVG

Buscar

O PP anuncia que recorrerá o nomeamento de Delgado

Publicado o 13/01/2020 11:59

O líder do PP, Pablo Casado, anunciou que vai recorrer o nomeamento da ex-ministra Dolores Delgado como fiscal xeral do Estado porque considera que vulnera a independencia que debe de ter o máximo responsable deste órgano.

Na súa intervención ante a Xunta Directiva Nacional do partido, explicou que denunciará este nomeamento porque vulnera o estatuto orgánico da Fiscalía nos seus artigos 7 e 59 e volveu a criticar o nomeamento de Delgado como unha decisión "que ataca directamente a separación de poderes" e é da "máxima gravidade".

Antes deste anuncio Pablo Casado xa criticou a proposta da ex-ministra de Xustiza Dolores Delgado como nova fiscal xeral do Estado, un nomeamento co que Pedro Sánchez perde "definitivamente as formas e o pudor" porque "ataca a separación de poderes e o Estado de dereito".

Durante a presentación do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, nun almorzo informativo, Casado cualificou este posible nomeamento como "un dos máis equivocados dos últimos días" tras o de todos os membros do Goberno, que este mesma mañá prometen os seus cargos.

Por iso, cualificou a Delgado como a "ministra número 23" deste Executivo, xa que está convencido de que vai estar ao servizo dos intereses do partido, e cuestionou que dixesen do PP se nomease ao  exministro de Xustiza, Alberto Ruiz  Gallardón, como fiscal.

Casado reprochou que se produza esta proposta a pesar da "anunciada desxudicialización da política" que fixo Sánchez no debate de investidura e anunciou que o que o PP fará, pola súa banda, será "abanderar a despolitización da xustiza".

Ademais, constatou que o PP non comparte o devandito por Sánchez nunha entrevista de que "segundo el, a Fiscalía do Estado depende do Goberno".

Pola súa parte o líder de Vox, Santiago Abascal, dixo este luns que a decisión do Executivo de propoñer á ex-ministra de Xustiza Dolores Delgado como fiscal xeral do Estado é unha "proba máis" do "golpe institucional" do recentemente investido presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para que o PSOE "se apodere do Estado".

"Non teñen pudor", criticou na súa conta persoal de Twitter e engadiu que os socialistas queren "non ter freos nin contrapoderes institucionais".

 

Noticias web

13/01/2020