O PP cre que gañar en Madrid lle abre o camiño de sumar o voto do centrodereita
• Sánchez reúne a Executiva Federal para analizar a derrota do PSOE
• Feijóo: "O Goberno ten que tomar nota do que se votou en Madrid"
Foto: EFE
Do baño de masas da noite pasada no balcón da sede nacional do PP na rúa Génova, Isabel Díaz Ayuso pasou esta mañá a recibir as felicitacións a pé de rúa.
Tocou analizar os resultados coa cúpula do Partido Popular. O PP dá por cumpridos os seus obxectivos: aglutinar o voto do centrodereita e coller pulo para chegar ao Goberno de España.
"Recuperamos todo o voto de Ciudadanos, e abrimos unha vía de auga no do Partido Socialista", asegura Pablo Casado, quen cre que "a coalición de Goberno sae moito máis debilitado, e a aleternativa, o PP, máis fortalecido". Casado pediu que se convoque de forma urxente o debate sobre o estado da nación para poder enfrontar o seu modelo con Pedro Sánchez.
Díaz Ayuso xa deseña o seu gabinete. Será un Goberno con menos consellerías. "Vainos permitir facer un Goberno máis austero, pero moi eficaz", dicía a presidenta madrileña, "e ir abondando en medias fiscais, a rebaixa de impostos, como o IRPF".
A investidura, para a que xa ten garantido o apoio dos escanos da ultradereita de Vox, será como moi tarde o 8 de xullo.