O PP comeza a negociar por separado con Ciudadanos e Vox
O Rei comeza mañá a rolda de contactos cos grupos políticos para a investidura. E as que xa están en marcha son as negociacións para gobernar en comunidades e concellos. O PP reúnese esta tarde por separado con Vox e con Ciudadanos.
O PP comeza a negociar a dúas bandas despois de que Ciudadanos reiterara que non vai sentar con Vox. Din que pecharán acordos cos populares e agardan que os de Abascal non se opoñan.
Ignacio Aguado, candidato de Ciudadanos á Asemblea de Madrid: "Se Vox chegou para bloquear, para poñer paus nas rodas aos presupostos, para torpedear os acordos, terá que explicárllelo aos seus votantes, pero para iso xa tiñamos a Podemos".
Para Vox o que fai Ciudadanos é chantaxe. Se non lles levantan o veto din que só apoiarán gobernos do PP en solitario.
Santiago Abascal, presidente de Vox: "Non imos ser cómplices dunha tomadura de pelo nin dun cordón sanitario. Ante a chantaxe prefiro o haraquiri político".
Javier Maroto. vicesecretario de Organización do PP: "Que non fagan o haraquiri sobre todo porque sería facérllelo aos seus votantes e a unha maioría social neste país. Asegúrolle que imos deixar a pel para que o acordo sexa posible".
Con ese obxectivo reúnense esta tarde con Ciudadanos en Aragón e con Vox no Congreso. Por outra banda, o PSOE ten unha fronte aberta en Navarra onde a súa candidata podería intentar gobernar coa abstención de Bildu en contra do criterio de Ferraz.
José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Esa é a cuestión que se ten que resolver pero non hai ningún problema de desafío".
As que semellan paradas son as negociacións para a investidura de Sánchez, polo menos ata a rolda de consultas do Rei cos distintos partidos, que comeza mañá.