CRTVG

Buscar

O PP acurta distancias e queda a 4,5 puntos do PSOE, segundo o CIS

Publicado o 18/05/2021 12:05
O PP acurta distancias e queda a 4,5 puntos do PSOE, segundo o CIS

O último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), elaborado entre o 4 e o 13 de maio, xusto despois das eleccións madrileñas, augura unha suba na expectativa de voto do PP que lle permitiría acurtar a 4,5 puntos a distancia que o separa do PSOE, o partido máis votado.

Os socialistas, cun voto estimado do 27,9 por cento, perderían 3,6 puntos respecto á anterior enquisa, confeccionada durante a campaña electoral madrileña. Pola súa banda, os populares gañarían 2,8 puntos, o que lles permitiría aproximarse ao PSOE.

De feito, a distancia entre as dúas forzas políticas maioritarias pasaría de 10,9 puntos antes dos comicios madrileños a 4,5 (menos da metade), confirmando así o empuxe en toda España da vitoria alcanzada por Isabel Díaz Ayuso nesas eleccións.

Resto de forzas

De igual xeito, o barómetro de abril certifica a caída xa anunciada de Ciudadanos, que perde 1,4 puntos e pasa do 6,7 por cento dos sufraxios estimados ao 5,3 por cento.

Vox tamén experimenta unha baixada de 1,7 puntos e continúa como terceira forza co 13,7 por cento do voto estimado, seguido de Unidas Podemos, que practicamente repite co 10,4 por cento, tres décimas menos que a manteñen na cuarta posición.

A enquisa certifica igualmente a alza de Más País/ Compromís logo da suba que a súa marca madrileña, Máis Madrid, logrou nas eleccións do 4 de maio. Esta forza duplica as súas expectativas electorais ao pasar do 1,9 por cento dos votos ao 3,8 por cento e ocupar a sexta posición despois de Ciudadanos.

Noticias web

18/05/2021