CRTVG

Buscar

O Poder Xudicial non poderá facer máis nomeamentos ata que PSOE e PP o renoven

Publicado o 24/03/2021 18:51
O Poder Xudicial non poderá facer máis nomeamentos ata que PSOE e PP o renoven

O pleno do Senado aprobou este mércores de forma definitiva a reforma legal impulsada polo PSOE e Unidas Podemos para que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) non poida realizar máis nomeamentos mentres estea en funcións, situación en que se atopa desde decembro de 2018. Dous anos e case catro meses en que o PSOE e o PP foron incapaces de pechar un acordo para renovar o órgano de goberno dos xuíces, co mandato caducado do mesmo xeito que ocorre con catro maxistrados do Tribunal Constitucional, o Defensor do Pobo e a Axencia de Protección de Datos. 

Tras aparcar a proposición de lei que rexistraron para rebaixar as maiorías esixidas para elixir os vogais do CXPX, iniciativa que suscitou mesmo os receos das institucións europeas, os grupos da coalición de Goberno impulsaron o recorte de competencias en funcións para presionar o PP para sentar a negociar. Pero tras varios intentos errados, a última negociación saltou polo aire a finais de febreiro ante o veto do PP a que entrase no CXPX o xuíz José Ricardo de Prada, que formou parte do tribunal do caso Gürtel e ao que os populares consideran candidato de Podemos. 

O acordo, con eleccións autonómicas en Madrid en maio, non se ve próximo, e, ata que non o haxa, o CXPX non poderá realizar novos nomeamentos para cubrir postos vacantes de maxistrado no Supremo ou presidencias en tribunais superiores de xustiza e audiencias provinciais. Ata esta semana o actual Consello aprobou en funcións 78 nomeamentos e tiña varios en carteira, pero mañá reunirase o pleno sen incluír ese punto na axenda. 

Tras un debate de clara tinguidura electoral no que PSOE e o PP acusáronse mutuamente de querer controlar o Poder Xudicial, lembrando uns a condena do caso Gürtel e outros a dos ERE, a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial quedou aprobada con 150 votos a favor, 108 en contra e 3 abstencións. Tanto o PP como Vox defenderon sen éxito senllos vetos ao considerar que se ataca a independencia do Poder Xudicial, pero a maioría dos portavoces estimaron que o actual Consello non pode seguir nomeando cargos xudiciais cando foi elixido en 2013, cando os populares contaban con maioría absoluta.