O plan galego de vacinación contra a covid arranca con doses para 40.000 persoas
• As doses, que se deberán repetir en 21 días, chegarán primeiro a usuarios e traballadores de residencias e sanitarios
• España pode empezar a vacinar en nove días
O Consello da Xunta aprobou o plan galego de vacinación contra a covid-19 que arrancará, segundo dixo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en canto cheguen as doses á comunidade, coa vacinación de 40.000 persoas.
Os colectivos que van recibir a vacina en primeiro lugar son os seguintes:
- 22.000 usuarios das residencias e centros de atención para grandes dependentes.
- 17.000 traballadores destes centros.
- 3.000 traballadores sanitarios.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe deste plan, que esixe "un importante dispositivo loxístico" para garantir a rastrexabilidade das vacinas.
Os primeiros colectivos que se vacinarán antes serán os 22.000 usuarios de residencias, os 17.000 traballadores destes centros e 3.000 sanitarios en primeira liña contra a covid-19, segundo explicou Rueda. pic.twitter.com/PLpaIZ1S4n
— G24 (@G24Noticias) December 17, 2020
O plan contará cun equipo de coordinación de 207 profesionais de enfermería que "estarán dedicados exclusivamente a esta función, e cuxa adscrición será voluntaria". Rueda engadiu que é persoal con experiencia en vacinación que recibirá formación complementaria.
Este equipo coordinará máis de 2.000 efectivos de enfermería de atención primaria que se encargarán de vacinar os pacientes de seu cupo. Ademais, sumaranse ao dispositivo outros 40 profesionais para a vacinación nos centros sanitarios.
"Hai previsións de contratacións a maiores, as que sexan necesarias para a cobertura deste plan", explicou. "Se é necesario facer un reforzamento de contratos, farase", dixo Rueda.
A Xunta, segundo o vicepresidente, que hoxe informou dos acordos do Consello porque o presidente do Executivo autonómico está de viaxe, "anticipouse para telo todo preparado e, en canto se dispoña das vacinas, empezar de xeito inmediato". Nese sentido, matizou que a data anunciada inicialmente por Alberto Nüñez Feijóo da segunda semana de xaneiro podería anticiparse porque "parece que os prazos poden adiantarse".
Seguro para turistas no Xacobeo
Rueda tamén informou da posta en marcha dun seguro de coronavirus gratuíto para os turistas que cheguen a Galicia o ano que vén, Ano Xacobeo, e resulten afectados pola covid-19, tanto no caso de ter que gardar corentena como para os supostos de hospitalización, a partir de finais do primeiro trimestre de 2021.
O vicepresidente puntualizou que a cobertura será "practicamente universal" para os viaxeiros que fagan noite nalgún aloxamento turístico en Galicia. Quedarán excluídos os que se contaxiaran antes da súa chegada ou aqueles que proveñan de lugares desde os que se desaconlle vir a Galicia.
A cobertura temporal máxima será por 30 días.