O Plan de xuventude da Xunta incluirá axudas para sacar o carné
Unha das medidas do Plan de xuventude porase en marcha nas vindeiras semanas: axudas económicas para que 1.500 mozos que nin estudan nin traballan poidan sacar o carné de conducir coche ou camión e así facilitarlles que atopen un emprego.
A Xunta creará tamén unha oficina de emancipación xuvenil para asesorar os máis novos sobre vivendas ou oportunidades laborais e ampliará a oferta de campos de voluntariado, que se celebrarán tamén fóra do verán. Feijóo anuncia tamén un gran proxecto de voluntariado xuvenil para o Xacobeo que atraerá rapaces de toda Europa.
"O obxectivo último é abrir camiños para que a xente moza a través da educación regrada e non regrada atope un emprego e para apoiar a liberdade real dos mozos a través da súa emancipación", afirmou Feijóo.
O presidente explicou que a Xunta está investindo máis de 10 millóns de euros en facilitarlles a 5.500 mozos menores de 30 anos atopar un emprego. Baixo o nome Talento Novo, o programa inclúe axudas para facilitar o retorno dos emigrantes, subvencións para mellorar a formación ou incentivos a empresas que os contraten.