CRTVG

Buscar

O PIB galego podería caer entre un 5,6% e un 7,4%

Publicado o 08/04/2020 12:31

As seis semanas de confinamento polo estado de alarma (do 15 de marzo ao 26 de abril) supoñerán, como mínimo, unha perda aproximada dun 5,6 por cento do PIB galego, o que se traduce en, aproximadamente, 3.500 millóns de euros, segundo se desprende do Informe Conxuntura Socioeconómica 1-2020 do Foro Económico de Galicia.

Esta entidade proxecta tamén o impacto da crise sanitaria na economía galega se o confinamento se amplía ata as oito semanas, ata mediados de maio. Nese suposto, a perda podería chegar ao 7,4 por cento do PIB, o que equivale a 4.600 millóns de euros.

Nun escenario optimista, o Foro Económico considera que é posible que as perdas poidan xerar un "efecto rebote" por 'embalsamento' de decisións de gasto nos próximos meses, a condición de que a crise, precisan, "se resolva pronto e con éxito, co descubrimento de tratamentos eficaces ata que se poida dispoñer dunha vacina".

Desde un punto de vista menos optimista, destacan que "desafortunadamente" esta non é a única posibilidade, dado que a persistencia das medidas de control nos próximos meses e as restricións á mobilidade "poden xerar unha  distorsión aínda maior na actividade económica".

Inciden, ademais, en que non se descarta unha segunda onda da pandemia pola COVID-19, o que prorrogaría no tempo o impacto en sectores de gran incidencia no PIB como o turismo, que ten un peso do 10 por cento na economía de Galicia.

Crise global, resposta integral

Os expertos do Foro Económico de Galicia consideran que se trata dunha crise "global e simétrica", porque afecta tanto a oferta como a demanda, o que provocou unha perda importante de riqueza financeira e tensións na liquidez das familias e empresas.

Por iso, os expertos recomendan "estar preparados" para asumir unha forte contracción do PIB na primeira parte do ano e facer todo o posible para que a partir do segundo semestre se inicie unha paulatina recuperación da actividade económica.

Neste sentido, os autores do informe recalcan a necesidade de que as medidas que se adopten conten cun amplo apoio arredor dunha proposta integral, "cun sólido compromiso social e político", e insisten "no papel fundamental da coordinación dos esforzos en todos os niveis institucionais (internacional, nacional e autonómico)".

Para iso, advirte o informe, "necesítase un liderado forte, transparencia nos datos para deseñar as políticas adecuadas e unha colaboración estreita entre os axentes implicados, que transmitan confianza ás familias e ás empresas".