CRTVG

Buscar

O persoal de Ence pecha unha entrevista coa ministra Ribera

Publicado o 12/03/2021 15:48

O cadro de persoal de Ence leva as súas protestas a Madrid. Este venres manifestáronse fronte ao Ministerio de Transición Ecolóxica. Pedían unha entrevista coa ministra Teresa Ribera e vana ter, o próximo mércores.

Segundo Antonio Taboada, traballador de Ence, queren "transmitirlle a nosa preocupación pola redacción actual do artigo 18.4 da lei de cambio climático que obviamente abócanos a un peche inminente".

Piden cambios nese artigo que, din, aporta incerteza sobre o futuro das concesións no litoral. No caso da pasteira, o prazo remataría no 2033.

"Estamos falando de máis de 5.000 postos de traballo se se aproba este artigo", di a presidenta do comité de empresa da central de Ence en Pontevedra, Ana Cedeira.

Aos traballadores sumase o sector forestal. A Madrid viaxaron transportistas, subministradores de madeira, contratistas de aproveitamentos forestais e de plantación de selvicultura. Manuel Ramacháns é un deles e di  que "se pecha Ence o problema sería poñer todas estas contratas no mercado para que poidan traballar. O pao é moi forte".

Ás portas do Ministerio, onde foron recibidos polo secretario de Estado de Medioambiente, agardan que a ministra os escoite o próximo mércores.

Noticias web

12/03/2021