CRTVG

Buscar

O Pequeno Nicolás senta no banco dos acusados por facerse pasar por representante da Casa Real

Publicado o 11/05/2021 08:51

Francisco Nicolás Gómez Iglesias, máis coñecido como o Pequeno Nicolás, séntase no banco dos acusados por facerse pasar por un representante da Casa Real durante unha viaxe a Ribadeo. O xuízo, que tivo que ser cancelado en tres ocasións, desenvólvese na Audiencia Provincial de Madrid.

O 13 de agosto de 2014, o Pequeno Nicolás viaxou á localidade lucense facéndose pasar por enlace entre a vicepresidencia e a Casa Real. Falsificou supostamente varios documentos e conseguiu que dous policías municipais se fixesen pasar por escoltas de seguridade. Chegou a reunirse para comer cun empresario, a quen fixo crer que asistiría unha persoa importante da Casa Real, que nunca apareceu. 

Francisco Nicolás Gómez Iglesias está acusado dos delitos de usurpación de funcións públicas, falsidade, suborno e malversación. A Fiscalía pide para el sete anos de prisión e o pagamento dunha multa de 81.000 euros. A acusación particular solicita 11 anos de cadea, 21 meses a Avogacía do Estado, e o Concello de Madrid reclama tres anos e medio de prisión. 

O xoves está previsto que declaren como testemuñas varios representantes da Mariña por videoconferencia, dende o xulgado de Mondoñedo; entre eles, empresarios e o alcalde de Ribadeo. A vista oral durará tres días e será a primeira causa á que se enfronta o Pequeno Nicolás en maio, xa que este mesmo mes terá outro xuízo pola presunta trama en que un amigo lle fixo a selectividade en 2012.