O pequeno comercio varía os horarios para adaptarse ás novas restricións
A vida flúe nas cidades arredor do comercio. Un movemento continuo de clientes, provedores, repartidores... que agora se interrompe ás seis da tarde.
"Aínda que só sexan tres horas ao día, supón ao longo do mes horas de traballo, de cotizacións...", di Luis Rivera, o presidente do CCA Ourense Centro.
O primeiro pau foi o confinamento da primeira onda. Seguiuno o peche da hostalería. "De paso que tomas un café, fas unhas compras, ou comedes nalgún restaurante de Ourense e despois comprades...", explica Marta Cacharrón, de Cacharrón Bebé.
Tamén tiveron que facer fronte ao peche perimetral.
"Ao non poder vir a xente das aldeas, en Ourense nótase moito", di Adrián Prado, de Cuatro Elementos.
E agora, a restricións de horarios, que os obrigan a un novo proceso de adaptación. "Adaptándonos. Ademais, os comerciantes somos unha raza especial en adaptacións. Temos a vantaxe de que aos ourensáns lles gusta mercar no comercio de proximidade".
A opción preferente está sendo alongar as mañás. Abrir antes e pechar máis tarde. Tamén hai quen xa nin abre pola tarde, só con cita previa.
Luis Rivera, presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro: "Fixemos un chamamento aos asociados para sacar unha liña en común: de 10 a 14 e de 16 a 18".
Son horarios novos, experimentais, e susceptibles de cambio, din, como todo neste tempo. Seguiranse adaptando ás circunstancias, para sobrevivir á pandemia.