CRTVG

Buscar

"O peor sería un 'brexit' duro e que os barcos deixasen esas augas. Estamos falando de 89 no Gran Sol e 24 nas Malvinas"

Publicado o 23/09/2019 11:55

Camiño do 31 de outubro, en que se pode producir un brexit duro, sen acordo, o sector do mar é un dos que está máis preocupado. Fundamar, a Fundación para a Pesca e o Marisqueo, analiza en Vigo durante esta xornada os escenarios que se presentan.

Un dos participantes, Javier Garat, secretario xeral de Cepesca, dixo no Bos días que "seguimos tendo as mesmas incertezas ca o primeiro día. O peor sería un brexit duro, que suporía que os nosos barcos deixasen esas augas. Estamos falando de 89 barcos no que se coñece como o Gran Sol e 24 en augas de Malvinas".

En canto ao que poida pasar, "novidades non hai, -dixo Garat-. O que si se fixo foi adoptar os regulamentos na UE para dar axudas aos barcos que se poidan quedar parados, e un mutuo recoñecemento das normas de pesca para que se o Reino Unido o acepta os nosos barcos poidan ir pescar alí, e os deles pescar en augas comuitarias". 

Juan Manuel Trujillo, do sindicato Comisións Obreiras, explicou que "os empregos están en precario, e tememos que poidamos ir a un paro forzoso, e é un problema que vai máis alá de Galicia e España". A situación que se nos presenta é dun "baleiro legal en canto á lexislación social, a laboral, o tema das pensións... Podemos adentrarnos nun terreo en que non temos experiencia". E recordou que ademais tamén están afectados, e "non se sabe como", os barcos de empresas mixtas, con bandeira británica e capital español.

En canto ás alternativas, Javier Garat, di que "os caladoiros son os que son, e só poderiamos ir a Francia ou Irlanda. Pero outros países teñen previsto o mesmo, e se iso ocorre con ese desprazamento do esforzo pesqueiro poden xerarse conflitos, especialmente en Irlanda".