CRTVG

Buscar

"O pemento de Herbón con DO é o auténtico, o que lle deu fama en todo o mundo"

Publicado o 06/10/2021 13:41

O Concello de Padrón non pode utilizar a marca 'Padrón auténtico' para referirse aos pementos orixinarios da parroquia de Herbón. É o que ditaminou a Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea ante o conflito que xerou o Goberno municipal de Padrón ao pretender distinguir como 'Padrón auténtico' diversos produtos. Os responsables da denominación Pemento de Herbón recorreron e a autoridade da UE dálles a razón, para evitar inducir ao erro os consumidores.

"Chegarías a un supermercado o día de mañá e pides unha bolsa de pementos con denominación de orixe Pementos de Herbón e outro ao lado cun logo que puxese 'Padrón auténtico', como eles querían rexistrar. Daquela alguén ao mercar preguntaríase cal sería o realmente auténtico. Porque a moitos que descoñecen o que é unha denominación de orixe, vamos, que levaría a confusión, e iso é no que nos baseabamos en todo momento. Que eles (Concello) tivesen ese nome para o que quixesen, pero deixando á marxe o epígrafe de produtos da horta e legumes en que estamos incluídos", di Milagros González Refojo, presidenta do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón.

Isto non quita que se poida denominar variedade ou tipo Padrón para referirse a pementos da mesma especie producidos en calquera parte.

Explica a presidenta do Consello Regulador que "non é o mesmo que poña variedade Padrón a que poña Denominación de Orixe Pemento de Herbón, porque o pemento de Herbón con DO é o auténtico, de onde partiu, a orixe do pemento que lle deu fama en todo o mundo".

A denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón abrangue os producidos nos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Valga.

Noticias web

06/10/2021