CRTVG

Buscar

O PDeCat emenda os PXE a dous días para a manifestación da dereita

Publicado o 08/02/2019 11:12

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias reuníronse o mércores en Moncloa, durante varias horas, en que ambos estudaron como desbloquear a negociación dos presupostos. Unha reunión en plena crise política tras aceptar o Goberno a presenza dun relator na mesa de partidos no marco das negociacións con Cataluña. O PdeCat expresa que os xestos do Executivo non son suficientes e rexistra hoxe a emenda a totalidade dos presupostos xerais; aínda que os independentistas abren a porta a retirala antes do mércores, o día que se vota nas Cortes a tramitación.

Marta Pascal, PDeCat: "Ben, digamos que a situación que temos é complexa".

Mentres tanto, o PP anuncia que fretará autobuses gratuítos para todos os que queiran ir á manifestación a Madrid, na que teñen prevista a asistencia de 20.000 persoas.

Pablo Casado, presidente do PP: "Esperámoste na praza de Colón, en defensa da España constitucional".

Populares, Ciudadanos e Vox pactaron o lema "Por unha España Unida. Eleccións xa".

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Dá igual a quen votasen, a que partido pertenzan a que asociación ou entidade. O importante é que este domingo Sánchez escoite un clamor na praza de Colón. Escoite un clamor defendendo a democracia e a Constitución".

Houbo reaccións nas redes, onde o lema #YoNoVoy "ni Paquí ni Pallá", que alude á investigación polo financiamento irregular do PP madrileño, foi secundado polo PSOE, Podemos e Izquierda Unidad e tivo máis éxito nas redes ca a propia convocatoria.

Mentres, o presidente do PNV lamenta que os convocantes comparen o relator coas negociacións coa ETA que, lembrou, tiveron lugar baixo o goberno de Aznar.

Andoni Ortúzar, presidente do PNV: "Paréceme nauseabundo o clima que se pretende crear. Estes adalides, estes paladíns da unidade de España, o único que están facendo é dividir. Aquí o que hai no fondo é querer chegar á Moncloa a través dun atallo, aínda que haxa que dividir a sociedade".

Sen aludir explicitamente ás palabras de Casado, tamén Sánchez lamentou o clima de crispación.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Cando se prima a crispación sobre o acordo, cando se prima a ruptura unilateral sobre a busca de consensos ou cando se defenden fórmulas simplistas, anacrónicas e xa fracasadas para resolver problemas complexos, a democracia debilítase e reséntese".

Houbo tamén reaccións nas redes, onde o lema #YoNoVoy "ni Paquí ni Pallá", que alude á investigación polo financiamento irregular do PP madrileño, foi secundado por PSOE, Podemos e Izquierda Unidad e e tivo máis éxito nas redes ca a propia convocatoria.
 

Noticias web

08/02/2019