CRTVG

Buscar

O PAZO DE MEIRÁS XA É PATRIMONIO DO ESTADO

Publicado o 10/12/2020 19:26

Quixo o azar que no Día Internacional dos Dereitos Humanos, se emendase un agravio que xa duraba 82 anos. No Pazo de Meirás non estiveron nin os Franco nin os seus avogados, pero non facía falla. Coa entrega desta chave á avogada xeral do estado, a xuíza Marta Canales executaba a sentenza que desposúe á familia do ditador dun inmoble doado en 1938 de xeito ilegal.

Consuelo Castro, avogada xeral do Estado, asegurou que “é un día que deixa unha sensación de xustiza histórica. Creo que é unha devolución dun ben ás mans das que nunca debeu saír, que son as do Estado”.

Os técnicos da Xunta avalaron que non falta nada de todo o que se inventariou hai un mes, aínda que a coñecida como Casa das Conchas e un hórreo anexo seguirán en mans dos Franco porque o preito só afecta ao interior do recinto amurallado. Ademais, a familia ten 20 días para levar os enseres persoais que aínda teñen alí. Tamén presentaron un escrito para quedar coa biblioteca, segundo din, doada no seu día ao ditador pola nora de Pardo Bazán. A reivindicación da escritoria coruñesa, primeira moradora do pazo, será unha das apostas dos novos xestores.

Segundo Consuelo Castro, “non podemos esquecer ese paso da ditadura, porque a memoria é importante, pero é imprescindible rescatar a pegada de Emilia Pardo Bazán, creo que niso estamos todos de acordo”.

A sentenza non será definitiva mentres non se resolva o recurso da familia Franco ante o Supremo. No exterior do Pazo, os activistas que loitaron pola súa recuperación esixen agora a anulación da denuncia que os Franco lles puxeron por, entre outras cousas, violación dunha morada da que, agora se confirma, non eran donos.

Noticias web

10/12/2020