CRTVG

Buscar

Emotiva entrega das Medallas Castelao, fóra de San Domingos de Bonaval

Publicado o 28/06/2020 19:35

Televisión de Galicia transmitiu en directo a entrega das Medallas Castelao. Son un recoñecemento da Xunta, instaurado en 1984, que pretende distinguir o labor e a traxectoria de persoas, institucións ou colectivos galegos en distintos ámbitos. 

Entréganse cada 28 de xuño, coincidindo co traslado dos restos de Castelao ao panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, pero este ano, para gardar a distancia persoal e permitir unha maior cantidade de público, traslada o seu habitual emprazamento e celébrase no Pazo de Congresos de Santiago.

O presentador e comunicador Xosé Manuel Piñeiro, a xornalista Pilar Cernuda, a deportista Ana Peleteiro, as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e o grupo de música tradicional A Roda foron os galardoados deste ano.

A xornalista Pilar Cernuda dixo que os galegos que viven fóra pensan máis na terra que os de aquí.

Con 24 anos, Ana Peleteiro, afirmou que ten moita carreira por diante e que sabe que este recoñecemento ten moito que ver co seu compromiso con Galicia.

O noso compañeiro Xosé Manuel Piñeiro dedicou a Medalla ás mulleres que fan país, como a súa nai, e lembrou tamén o pai.

A Roda defendeu a súa capacidade para reinventarse e a necesidade de reactivación do tecido cultural. 

E As Asociacións do Camiño comprometéronse a defender, nun momento que cualifican de crítico, os valores da ruta Xacobea.

Pechou as intervencións o presidente da Xunta, que dixo que camiñamos sobre os ombreiros de xigantes coma Castelao, que inspiran un pobo, o galego, nunca excluinte.

O acto estivo amenizado pola Banda de Gaitas da provincia de Pontevedra, que interprotou o himno galego acompañada pola cantante Rebeca Rods.