O pastor do Vao ve racismo na detención de 10 persoas do poboado
O pastor da comunidade do Vao, en Poio, pide a liberdade para os 10 detidos tras os altercados do 4 de maio en que quedaron feridos dous axentes da Policía Local.
"Hai 10 persoas na prisión dende hai un mes, xa tiñan que estar na rúa", di o pastor evanxelista.
Nun vídeo publicado nas redes sociais, o voceiro da comunidade xitana do barrio denuncia racismo na detención e posterior prisión preventiva dos acusados.
"Por que non os deixan en liberdade? eu chego a pensar que pode ser racismo", asegura.
Defende que os detidos non teñen antecedentes e lembra que xa amosaron o seu arrepentimento ante as autoridades.
"Pedimos perdón, estámonos humillando en todo momento, e dixémoslle á Garda Civil e ao Concello que no poboado non se vende máis droga".
A detención dos acusados tivo lugar no Vao de Arriba o pasado 4 de maio. Axentes da Garda Civil e da Policía Local desprazáronse ata alí polo aviso dunha liorta. Ao chegaren ao poboado, foron supostamente atacados con pedras e paus.
Tras o altercado, dez persoas permanecen en prisión preventiva á espera de xuízo. Están acusados dos delitos de atentado e resistencia aos axentes da autoridade, e danos materiais.
Non foron as únicas detencións. A comezos de xuño outras 7 persoas do Vao foron detidas nunha redada no marco dunha operación antidroga.