CRTVG

Buscar

O Partido Popular afianzaría a maioría absoluta en Galicia o 12-X, segundo dúas enquisas

Publicado o 07/06/2020 08:39

La Voz de Galicia abre a súa portada deste domingo cun titular que define sinteticamente as previsións electorais: "Maioría absoluta do PP e suba do PSOE e BNG".
Estes son os resultados elaborados por Sondaxe. O Partido Popular obtería 40 escanos (a maioría absoluta está en 38), o PSOE lograría 17 deputados, o BNG 12 e Galicia en Común quedaría con 6.

Canto á valoración de líderes, Alberto Núñez Feijóo figura con 6,10 puntos e Ana Pontón con 5,31 (son os dous únicos aprobados). Por debaixo da barreira do cinco sitúanse Gonzalo Caballero, por pouco, e logo Antón Gómez Reino e Pancho Casal.

Un aspecto que contradí algunhas análises: Sondaxe prefigura "unha participación estimada para xullo por enriba das eleccións de hai catro anos". Ademais, a nova Marea, Ciudadanos e Vox apenas logran un 2%, moi lonxe do 5% necesario para obter escano.

Outra enquisa aparece compartida hoxe por catro xornais: El Progreso, La Región. Diario de Pontevedra e Atlántico Diario. Estes rotativos coinciden en destacar que o PP "consolidaría" ou "afianzaría" a súa maioría absoluta o 12 de xullo.

O Partido Popular obtería entre 40 e 43 escanos, o PSdeG-PSOE entre 21 e 23, o BNG de 8 a 10 deputados e Galicia en Común de 2 a 4. Contrastando as dúas enquisas, nesta última compartida polos catro rotativos melloran os resultados o PP e os socialistas con respecto á da Voz de Galicia, mentres que o BNG e Galicia en Común obteñen uns resultados sensiblemente inferiores.