CRTVG

Buscar

Galicia é a comunidade onde máis baixou o paro no mes de xaneiro

Publicado o 02/02/2021 10:00

E hoxe coñecimos os datos do paro de xaneiro. Galicia foi a comunidade autónoma onde máis baixou, con 3.600 desempregados menos. 

No conxunto do pais aumentou o desemprego en 76.000 persoas e a cifra de parados roza os catro millóns. Destruíronse 219.000 postos de traballo e 739.000 persoas seguen aínda nun ERTE. España xa triplica a media do paro da zona euro. As novas restricións para conter o virus deixan outro incremento do paro en España, sobre todo no sector servizos.

E aínda así é a menor suba para un mes de xaneiro en tres anos, con 76.200 parados máis, soben case dous puntos, ata rozar os catro millóns, unha cifra que non viamos dende 2016. Respecto a xaneiro do ano pasado, hai 700.000 parados máis, un incremento dun 21 %.

O mes pasado o paro subiu en 15 comunidades e só baixou en Galicia e as Baleares. Aquí hai 3.600 desempregados menos. É unha caída de case dous puntos ata os 186.000 parados. Son 18.000 máis que hai un ano, cun incremento interanual de 10 puntos, a metade que a medida estatal. 

Con todo, o mes pasado destruíronse 9.800 empregos en Galicia. Máis de 200.000 en toda España. E os datos non inclúen os traballadores que están en ERTE: case 740.000, un 5 % do total de afiliados. 31.000 aquí en Galicia.