O ano de pandemia deixa atrás 400.000 parados máis e 750.000 persoas en ERTE
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 59.149 persoas en marzo (-1,5 %). É o seu maior retroceso neste mes desde o ano 2015, cando descendeu en 60.214 persoas, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo, que destacou ademais que este é o terceiro mellor dato dentro da serie histórica do mes de marzo.
Non obstante, os datos interanuais ofrecen unha imaxe menos optimista. Con respecto a marzo do ano pasado, cando a covid-19 facía a súa aparición no mundo, España suma 401.328 parados máis. O volume total de parados alcanzou ao finalizar o terceiro mes do ano a cifra de 3.949.640; con iso, volve descender por baixo da cota dos 4 millóns despois de que en febreiro esta se superase por primeira vez desde abril de 2016. Mentres tanto, 743.628 traballadores seguen nun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE).
En canto á afiliación á Seguridade Social, e fronte ás cifras de febreiro antes do inicio da pandemia, o mercado aínda ten 329.327 ocupados menos. En termos desestacionalizados, en marzo cóntanse 19.029.433 afiliados.
Traballo atribúe o descenso do desemprego en marzo ás menores restricións á actividade económica pola superación da terceira vaga da pandemia. En marzo de 2020 o desemprego subira en 302.365 persoas, cinco veces máis que en marzo deste ano. Con este retroceso do paro, que pon fin a cinco meses consecutivos de aumentos.
O dato de paro de marzo, do mesmo xeito que ocorreu nos meses anteriores, non inclúe os traballadores que se atopan en suspensión de emprego ou redución horaria como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego, xa que a definición de paro rexistrado non os contabiliza como desempregados.
Traballo informa ademais de que o gasto en prestacións alcanzou os 2.735 millóns de euros no mes de febreiro (último dato dispoñible), dos que 751,7 millóns corresponderon a prestacións para traballadores en ERTE.
O paro baixa un 2,43 % en Galicia
O número de parados rexistrados nos Servizos Públicos de Emprego en Galicia baixou en marzo con respecto a febreiro en 4.509 persoas, un 2,43 %, ata 180.719 desempregados. Con todo, a cifra é un 3,58 % máis alta que en marzo de 2020, cando había 6.238 parados menos.
Con respecto aos afiliados á Seguridade Social, en marzo, Galicia estaba próxima ao millón de cotizantes, 998.733 en total. Esa cifra supón un aumento de 4.704 con respecto ao mes anterior, un incremento do 0,47 por cento. Son 3.890 menos que hai un ano, o que supón unha perda do 0,39 por cento dos cotizantes neste ano de pandemia.
Os traballadores en ERTE en Galicia eran 34.759 a data do 31 de marzo.