CRTVG

Buscar

5.472 parados menos en maio en Galicia, que lidera a caída do desemprego do último ano

Publicado o 02/06/2021 10:21

O número de parados descendeu en Galicia en 5.472 no mes de maio, un 3,2 %, segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Traballo. Unha cifra semellante á do conxunto do Estado, onde foi do 3,31 %.

Así, o número total de desempregados é de 165.306 persoas. Galicia reduciu, no último ano, a cifra de parados en 25.776, un 13,49 %, a primeira comunidade no conxunto do estado.

A Seguridade Social gañou en Galicia 8.534 afiliados no mes de maio, un 0,85 % máis. Agora mesmo o total de cotizantes sitúase en 1.010.528.

A 31 de maio, dese total de afiliados, 22.863 estaban protexidas por algún tipo de ERTE, o que supón 4.135 menos que no mes anterior.

En Galicia, a caída do paro produciuse en todos os sectores, mais, con todo, foi no dos servizos onde se notou máis ese descenso, con 4.066 desempregados menos no mes de maio. 

Por provincias, o paro caeu máis porcentualmente en Lugo, un 4,81 %, mentres que foi Ourense a que menos o fixo, un 2,25 %.

O desemprego segue afectando máis as mulleres, e son estas, no colectivo maior de 25 anos, as que representan un 56 % dos parados de Galicia.

O paro en España

En canto ao conxunto de España, o número de desempregados baixou en 129.378 persoas no mes de maio, un 3,3 %. Iso supón o seu maior retroceso mensual de toda a serie histórica segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo.

O número total de parados en España é de 3.781.250, a cifra máis baixa desde finais do verán de 2020. Este datos non inclúen os traballadores que se atopan en ERTE.

O sector onde máis baixou o paro foi o de servizos, seguido polo colectivo sen emprego anterior, a industria e a agricultura. O Ministerio informou que o gasto por prestacións foi de 2.500 millóns de euros no mes de abril.

O número de traballadores con ERTE baixou en maio ata as 542.142 persoas. Segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Inclusión e Seguridade Social, a cantidade de traballadores en situación de ERTE asociado á covid−19 atópase no nivel máis baixo desde o inicio da pandemia. 

Noticias web

02/06/2021