O Parlamento volverá tramitar a lei para solicitar competencias de Tráfico

O Parlamento galego, cos votos a favor de nacionalistas e socialistas, e coa abstención do PPdeG, deu luz verde na súa sesión deste martes ao comezo da tramitación da Lei para esixiren ao Goberno central as competencias en materia de Tráfico e Seguridade viaria.
A proposta foi impulsada polo BNG, pero unha norma similar, auspiciada polo PSdeG, xa superara este trámite parlamentario na pasada lexislatura. O ditame sobre o texto lexislativo aprobárase en comisión, paso previo ao debate en sesión plenaria, pero decaeu ao finalizar a lexislatura.
Nesta ocasión, o deputado do BNG Luís Bará confiou en que se poida conseguir unha transferencia da que Galicia podería gozar "desde hai dez anos". Neste sentido, lembrou que foi "unha demanda aprobada no Parlamento galego en 2008 e vetada no Congreso cos votos en contra do Partido Socialista e coa abstención do Partido Popular".
"Memoria de agravios"
Segundo Bará, a petición desta competencia é unha mostra máis da "memoria de agravios que debería avergoñar a algúns grupos polos seus votos no pasado", responsables de que Galicia sexa unha das únicas dúas comunidades, xunto a Murcia, que non recibiu ningunha competencia nova na última década.
O deputado nacionalista cargou contra os "doce anos de parálises do autogoberno" que marcaron o Executivo de Alberto Núñez Feijóo por supor un "estancamento e un retroceso" para o status de Galicia, "que perdeu posicións mentres outras comunidades avanzaron ampliando o autogoberno".
Por iso, criticou o "grandísimo exercicio de cinismo" do PP galego, que chegou a San Caetano dicindo que serían os encargados de reforzar o autogoberno galego, cando verdadeiramente se esforzaron en amosar "a cara máis promadrileña" do PP.
Bará defendeu a consecución desta competencia como "peza chave" para conseguir activar unha "verdadeira policía galega" e non "ese sucedáneo da policía adscrita" que existe na actualidade.
"Meta plenamente lexítima"
O vicevoceiro do PSdeG, Pablo Arangüena, defendeu tamén a petición, ao considerar que contar con esta competencia é unha "meta plenamente lexítima" porque a administración autonómica podería xestionala de forma axeitada, dadas as particularidades de Galicia nesta materia.
Ademais, o socialista puxo en valor conseguir competencias que permitan que Galicia se aproxime a Cataluña e Euskadi, no canto a maior autogoberno, aínda que sempre sen iniciar "o camiño do independentismo, que non leva a ningún lado".
"Fillos do seu tempo"
Por parte do PPdeG, Alberto Pazos defendeu que Galicia conta na actualidade coas cotas máis altas de autogoberno da súa historia. Segundo dixo, mentres Gerardo Fernández Albor obtivo 75 competencias, Manuel Fraga conseguiu 52 competencias e Emilio Pérez Touriño 9, sen que iso signifique, dixo, que uno é máis autonomista que outro, senón que evidencia que "cada un deles é fillo do seu tempo e da realidade que lle tocou vivir".
"Canto máis desenvolvido estea o autogoberno, menos marxe hai" para seguir adquirindo competencias, incidiu o deputado popular, que remarcou a "defensa" que Núñez Feijóo fai de Galicia ante calquera administración porque é "quen levanta a voz para defendela mentres outros calan".