CRTVG

Buscar

O Parlamento volve tombar todas as opcións alternativas ao 'brexit' de May

Publicado o 01/04/2019 23:51
O Parlamento volve tombar todas as opcións alternativas ao 'brexit' de May

Ningunha das catro alternativas ao 'brexit' que votaron esta noite os deputados da Cámara dos Comúns británica logrou unha maioría. A opción que solicitou máis apoios -280 votos a favor e 292 en contra- foi a que solicita ao Executivo da conservadora Theresa May que, en caso de que o Parlamento aprobe un acordo de saída, este teña que ser ratificado polo pobo británico nun referendo. Trátase da segunda vez en menos dunha semana en que o Parlamento do Reino Unido non logra poñerse de acordo nalgunha das vías para desbloquear a crise do "divorcio" entre Londres e Bruxelas.

A opción que instaba o Goberno a negociar unha unión aduaneira permanente coa Unión Europea foi rexeitada por 276 votos en contra e 273 votos a favor, mentres que a que pedía cancelar o 'brexit', se este tiña que producirse sen acordo, solicitou o apoio de 191 deputados fronte a 292 que se pronunciaron en contra. A cuarta das alternativas, o chamado mercado común 2.0 e coñecida de forma informal como "vía Noruega" sumou 261 votos a favor e 282 votos en contra.

Esta última era a opción que se postulaba este luns como favorita, despois de que o Partido Laborista adiantase esta tarde que a apoiaría de forma oficial. O infrutuoso resultado da votación de hoxe, que pon de manifesto a incapacidade do Parlamento para acordar unha solución á crise do 'brexit', reforza a intención de May de volver someter o seu acordo por cuarta vez a votación.

O ministro do 'brexit', Stephen Barclay, manifestou ao coñecerse o desenlace dos "votos indicativos" que os parlamentarios aínda teñen a oportunidade de evitar unha saída abrupta o próximo 12 de abril así como a participación nas eleccións ao Parlamento Europeo de maio, se apoian esta semana o acordo de saída selado entre Londres e Bruxelas. A Cámara dos Comúns rexeitou en tres ocasiones ese tratado, aínda que en cada unha das convocatorias a marxe da derrota foi reducíndose e pasou de 230 votos en xaneiro a 58 o pasado venres. Pola súa banda, o líder da oposición, o laborista Jeremy Corbyn, afirmou hoxe que se May puido someter o seu acordo a votación en tres ocasiones, tamén os "votos indicativos" deberían ter unha terceira oportunidade.

Noticias web

01/04/2019