O Parlamento reclama o arranxo urxente da nacional 540, entre Ourense e Lugo
O Parlamento de Galicia solicítalle ao Goberno o arranxo integral e urxente da nacional 540. Nunha proposición non de lei, promovida polo Grupo Popular, alegan o mal estado da única vía que comunica as cidades de Lugo e Ourense.
Carlos é taxista en Chantada. Vive da nacional 540 e leva anos padecéndoa: "Imos moito a Ourense e a Lugo e esta é a nosa estrada principal. Cando rompe, parchéana, e nada. Levamos moitos anos así. É unha porcallada".
Para Xosé, que transporta produtos sanitarios, o mal estado da estrada non só lle ralentiza o traballo, senón que pon en risco o seu servizo: "Levas cousas que se poden deteriorar e golpeas, fochancas, freadas... Moi mal, moi mal".
O de Chantada, ao pé da nacional, é un dos concellos directamente afectados. Tamén Carballedo, Taboada, Guntín, ou o ourensán de Vilamarín. Usuarios habituais da vía chegaron a recoller sinaturas para presentalas perante o Defensor do Pobo que lle solicitou un informe á Dirección Xeral de Estradas. As deficiencias abranguen desde a sinalización ao estado do firme.
A alternativa a esta estrada ía ser a autovía A-56, proxectada no Plan Galicia do ano 2004, pero 17 anos despois, este treito de 9 quilómetros, entre A Barrela e San Martiño, é o único construído.