CRTVG

Buscar

O Parlamento pide ao Goberno accións para esclarecer a morte de Diego Bello

Publicado o 27/04/2021 12:32
O Parlamento pide ao Goberno accións para esclarecer a morte de Diego Bello

O Parlamento galego aprobou este martes unha declaración institucional para esixir ao Goberno central que "exerza cantas accións políticas, diplomáticas e xudiciais sexan necesarias para esixir o total esclarecemento dos feitos que rodearon a morte de Diego Bello".

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, deu lectura a esta declaración antes de reunirse coa familia de Diego Bello, o coruñés de 32 anos abatido pola policía filipina en xaneiro de 2020.

A cámara esíxelle ao Goberno que traballe para conseguir "a depuración ata as últimas consecuencias de cantas responsabilidades houber e tamén a restauración do dereito á honra de Diego Bello", xa que rexeitan a versión da policía filipina que alega que o coruñés era un traficante de droga sen que exista ningunha investigación respecto diso.

Con esta declaración, remitida ao Ministerio de Asuntos Exteriores de España e tamén á Embaixada da República Filipina en España, o Parlamento expresa a súa repulsa polo asasinato de Diego Bello e a súa solidariedade e apoio á familia.

En novembro de 2020 a Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados de España aprobou, por unanimidade unha proposición non de lei na que se pide ao Goberno español que pida ás autoridades filipinas que leven a cabo as investigacións necesarias para determinar o sucedido e que eviten a fuga dos autores da morte de Diego.

Con todo, ata o momento as peticións españolas foron ignoradas polo Goberno filipino que, segundo recolle o texto aprobado na Cámara, "leva sendo denunciado tanto pola ONU como pola Unión Europea por levar a cabo máis de 20.000 execucións extraxudiciais no últimos cinco anos co pretexto da guerra contra as drogas".