Aragonès pide celebrar un referendo como o de Escocia: "É a miña obsesión"
O Parlamento catalán vota este venres a investidura do candidato de Esquerra, Pere Aragonès. Asiste á sesión o presidente da formación, Oriol Junqueras, cun permiso penitenciario. A votación será ao mediodía e Aragonès sairá investido presidente co apoio de Junts e a CUP.
O debate comezou este xoves co seu discurso. Prometeu sacudir Cataluña con cambios de fondo dende o primeiro día. Di que cunha man loitarán contra a covid e a crise e coa outra camiñarán cara á independencia. E puxo a Escocia de exemplo.
O candidato de ERC á Presidencia da Generalitat, pediu un referendo de autodeterminación en Cataluña para que a cidadanía poida decidir se quere ou non seguir formando parte de España, tal como se fixo en Escocia en 2014: "É a miña obsesión", dixo.
"Quero facer como Escocia e gustaríame que o Estado español soubese facer como O Reino Unido en 2014. Nin máis nin menos. Facer posible un referendo e traballar desde o primeiro día para gañalo", dixo no seu discurso de investidura. Insistiu en que sería un referendo no que cada parte podería defender a súa posición: "Que deixen de ter medo ás urnas e expliquen por que debemos optar a quedarnos no Estado español. Que nos expliquen que proposta teñen para o noso país. Que se atrevan a gañar un referendo, pero que tamén acepten perdelo".
O candidato de Esquerra conta, agora si, cos votos necesarios para saír elixido. Catorce semanas despois das eleccións catalás, Pere Aragonès vai ser elixido presidente da Generalitat Con Junst e CUP Aragonès suma 74 votos que lle dan a maioría absoluta para saír elixido mañá na primeira votación.
A presidenta do Parlamento catalán, Laura Borràs, xa anunciou que non se vai reunir co Rei para comunicarlle a investidura de Pere Aragonès. O candidato de Esquerra podería tomar posesión o luns, e despois afronta a tarefa de formar goberno. Non poderá contar coa vicepresidenta de Junts. Elsa Artadi renuncia a ser a número dous do executivo para centrarse na súa tarefa como concelleira en Barcelona, e algunhas fontes interpretan esta negativa como unha mostra da falta de cohesión nas filas independentistas.