CRTVG

Buscar

O Parlamento británico rexeita un 'brexit' brando

Publicado o 02/04/2019 08:03

O Parlamento británico rexeita outra vez todas as alternativas ao plan do 'brexit' de Theresa May. Onte, os comúns dixéronlle non á proposta dun 'brexit' brando, que manteña o Reino Unido na unión aduaneira e no mercado interior: desatou a ira dos euroescépticos conservadores.

Case cada día sesións maratonianas, ata altas hora da noite, que cada día rematan sen acordo. Hoxe a prensa recolle o fracaso número 12. Unha ducia de plans alternativos ao acordo de May coa Unión Europea foron rexeitados nun parlamento que ata agora se amosa incapaz de atopar unha alternativa.

"Outra vez fallamos en atopar unha maioría clara para algunha das opcións", explica Steve Barclay, o secretario do 'brexit', e volve poñer sobre a mesa a posibilidade de votar o plan de May por cuarta vez, se admite o speaker do parlamento, o conservador John Bercow.

"Fracasei principalmente porque o meu partido négase a comprometerse. Lamento, polo tanto, anunciar que xa non podo seguir parcticipando nesta festa", admitía o tamén conservador Nick Boles. O impulsor da iniciativa do 'brexit' brando, para manter o Reino Unido na Unión Comercial e Aduaneira, cun estatus similar a Nouega, atopou o apoio nas filas contrarias, as dos laboristas, pero desatou dos Tories euroescépticos.

Na rúa, os cidadáns asisten estupefactos ao espectáculo dun parlamento incapaz e un Goberno roto, con 13 ministros partidarios dun 'brexit' duro, 10 dun 'brexit' brando e 5 indecisos. O electorado progresista pide a repetición do referendo ou eleccións. Os partidarios de deixar Europa apuntan a unha saída pola brava. Cando faltan 10 días para o 12 de abril, o vicepresidente do BCE, Luis de Guindos, avisa de que o 'brexit' duro é a peor opción porque amplificaría a freada económica na eurozona.

Noticias web

02/04/2019