CRTVG

Buscar

O Parlamento británico aproba o 'brexit' de Johnson sen prórrogas máis aló de decembro do 2020

Publicado o 20/12/2019 15:58

• A UE ve como "paso importante" a aprobación do acordo de saída

O Parlamento británico aproba o 'brexit' de Johnson sen prórrogas máis aló de decembro do 2020

O Parlamento británico, con maioría conservadora, aprobou este venres o proxecto de lei do acordo de retirada da Unión Europea (UE), a fin de que o Reino Unido poida saír do bloque na data prevista do 31 de xaneiro.

Os deputados da Cámara dos Comúns autorizaron por 358 fronte a 234 votos que o texto auspiciado polo primeiro ministro, Boris Johnson, pase ao seu seguinte trámite parlamentario, a fase de comités, onde poderá ser emendado antes da súa aprobación definitiva, xa en 2020.

O documento presenta algúns cambios respecto ás versións anteriores: desaparece a clásula que permitía prorrogar o período de transición máis alo do 31 de decembro de 2020. Tamén elimina o compromiso de manter os dereitos laborais adquiridos baixo a lexislación europea.

Reacción en Bruxelas

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, dixo este venres que a aprobación no Parlamento británico do acordo de saída do Reino Unido da UE é un "paso importante" e chamou o primeiro ministro británico, Boris Johnson, a buscar unha relación futura equilibrada entre Londres e Bruxelas.

"O voto na Cámara dos Comúns é un importante paso no proceso de ratificación do Artigo 50. Un campo de xogo nivelado segue sendo imprescindible para calquera relación futura", declarou Michel dirixíndose a Johnson nas redes sociais. 

Noticias web

20/12/2019