O Parlamento bota a andar a universidade de Abanca coa oposición en contra
O pleno do Parlamento de Galicia aprobou iniciar o trámite para crear a primeira universidade privada de Galicia, ligada a Abanca, malia a oposición de socialistas e nacionalistas. PSdeG e BNG pediron a súa retirada por "innecesaria", "duplicar" titulacións existentes e facer competencia "desleal" ás universidades públicas.
Na presentación do proxecto, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade defendeu a Universidade Intercontinental da Empresa, impulsada por Afundación, como unha oferta "complementaria" ás tres universidades que non implica diminución no seu financiamento público. A Xunta aprobara o anteproxecto o pasado 18 de marzo.
"Ten vocación de ser útil e diversificar as oferta educativa, sen menoscabo do bo facer da universidades públicas, sendo compatible o incremento da oferta, dun xeito complementario", afirmou sobre o futuro centro privado que terá sede en Santiago de Compostela e campus na Coruña e Vigo.
Román Rodríguez asegurou que o texto "cumpre todos os preceptos legais" e que a universidade se "autofinanciará" totalmente de xeito privado, polo que instou a non trasladar a "falsa idea" de que a súa existencia supón un "menoscabo" do financiamento público ás universidades galegas.
O proxecto de lei seguirá agora a súa tramitación parlamentaria, tras o rexeitamento das emendas á totalidade presentadas polo PSdeG e BNG.