CRTVG

Buscar

O paradoiro do rei Xoán Carlos é unha incógnita

Publicado o 05/08/2020 09:15

O rei Xoán Carlos xa non está en España e agora a principal incógnita é onde se encontra. Non hai confirmación oficial de que estea na República Dominicana nin en Estoril, como apuntou a prensa. Desde a Moncloa non desvelan o destino do monarca, pero aseguran que estará á disposición da xustiza. 

Varios medios de comunicación españois informaran de que o rei Xoán Carlos abandonara a fin de semana o palacio da Zarzuela, e tras pasar por Sanxenxo, collería un avión no Porto con destino á República Dominicana, onde reside un amigo persoal do monarca. A prensa portuguesa apuntou á posibilidade de que o rei estivese en Estoril, onde pasou a infancia, pero fontes oficiais desmentírono.

Diversos medios apuntan que a saída do país do rei foi pactada entre a Casa Real e a Moncloa hai días. Un movemento para protexer a imaxe da monarquía, resentida nos últimos meses polas investigacións abertas, tanto en Suíza coma en España, que vinculan ao rei Xoán Carlos cun suposto cobro de comisións irregulares millonarias e contas opacas no estranxeiro.

O presidente do Goberno considera adecuada a decisión da Casa Real e lembra que neste caso non se xulgan institucións, senón persoas. Sánchez cre que resposta da Zarzuela ante as condutas supostamente irregulares do rei emérito é a propia dunha democracia vigorosa.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "A Casa Real marcou distancias fronte a estas supostas, suliño, supostas condutas que puidesen ser irregulares. Creo que a liña marcada pola Casa Real é a axeitada".

Unidas Podemos criticou a decisión do rei emérito, cualificouna de fuxida indigna. O vicepresidente Iglesias admite discrepancias con Sánchez respecto á monarquía pero asegura que respeta a postura do presidente.

Pablo Iglesias, vicepresidente do Goberno: "A nosa posición é que o anterior xefe do Estado, cando está sendo investigado polas autoridades xudiciais suízas e pola Fiscalía do Tribunal Supremo non estea no seu país, para dar a cara no seu país, ante o seu pobo".

O Partido Popular esíxelle a Pedro Sánchez que desautorice e chame á orde o seu socio de coalición.

Pablo Montesinos, vicesecretario de Comunicación do Partido Popular: "Non pode pasar un minuto máis sen que Pedro Sánchez non desautorice o vicepresidente Iglesias. O Goberno o que ten que facer é defender e reivindicar as institucións, e non erosionalas".

O PNV cre incomprensible que o rei Xoán Carlos marche sen dar ningunha explicación. O presidente da Generalitat, Quim Torra vai un paso máis aló: pídelle a Filipe VI que abdique.

Noticias web

05/08/2020