O Papa, sobre visitar Santiago: "Ao presidente da Xunta prometinlle pensar no asunto"
O Papa Francisco sinalou que se comprometeu ante o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a sopesar a posibilidade de viaxar a Galicia con motivo do Ano Santo Xacobeo que se celebra en 2021 e tamén en 2022 grazas á ampliación extraordinaria concedida pola Santa Sé.
"Ao presidente da Xunta de Galicia prometinlle pensar o asunto", apuntou o Pontífice na entrevista emitida pola Cadena COPE este mércores 1 de setembro, a primeira que concede o pontífice a un medio de comunicación tras a súa operación de colon o pasado xullo.
Xa a principios deste ano, o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, confirmou que o papa Francisco fora convidado a acudir á cidade compostelá con motivo do Ano Santo 2021, aínda que admitiu que a visita do pontífice a Compostela dependería de "moitas consideracións", incluída a evolución da pandemia de covid-19.
Feijóo reitera que sería "un orgullo" recibir o papa en Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou este mércores que para Galicia "sería un orgullo" recibir o papa durante o Ano Xacobeo 2021-2022. Así o remarcou o máximo mandatario autonómico a través da súa conta en Twitter.
"Agradezo o papa o agarimo que sempre mostra coa nosa terra e o Ano Santo. Para Galicia sería un orgullo recibilo, pois o Camiño Xacobeo é a orixe da identidade e conciencia europea, hoxe reconvertidos en desafíos de futuro que compartimos coa súa Santidade", expuxo o presidente galego.
Agradezco al @Pontifex_es el cariño que siempre muestra con nuestra tierra y el Año Santo.
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) September 1, 2021
Para Galicia sería un orgullo recibirlo, pues el @camino_xacobeo es el origen de la identidad y conciencia europea, hoy reconvertidos en desafíos de futuro que compartimos con Su Santidad https://t.co/dAfpKPPJJT