CRTVG

Buscar

O Papa pide na mensaxe de Pascua que se superen os atrasos na distribución das vacinas

Publicado o 04/04/2021 13:13

O papa Francisco instou a comunidade internacional a "un compromiso común para superar os atrasos" na distibución das vacinas do coronavirus e a "promover o seu repartimento, especialmente nos países mais pobres". Fíxoo na mensaxe de Pascua, que pronunciou desde o interior dunha basílica de San Pedro baleira.

Despois da misa de Resurrección dentro do templo, non desde a balconada da fachada de San Pedro como marca a tradición, debido a que Italia está confinada estes días, Francisco rogou que "o Señor sosteña as fatigas de médicos e enfermeiras" e destacou que "todas as persoas, especialmente as mais fráxiles, precisan asistencia e teñen dereito a acceder aos tratamentos necesarios".

Asegurou que as vacinas son unha ferramenta esencial na loita contra a covid. Pediu expresamente un compromiso para internacionalizar as vacinas ante os pouco máis de 200 fieis presentes. Criticou que é escandaloso que, malia a situación de pandemia, os conflitos armados non cesan e os arsenais militares refórzanse. Lembrou que a situación actual incrementou drasticamente o número de pobres e a desesperación de milleiros de persoas, polo que pediu que "o Señor guíe a actuación das autoridades".

Francisco, como é habitual, repasou os males do mundo e os conflitos en cursou nas mensaxes que preceden as bendicións urbi et orbi. "Aínda hai demasiadas guerras e violencia no mundo!", dixo o Papa. Avogou porque os prisioneiros en conflitos, especialmente en Ucraína oriental e Nagorno-Karabaj poidan volver ás súas casas coas súas familias. Tamén lembrou o pobo haitiano para que poida mirar con confianza e esperanza o futuro. Non houbo desta volta mención a ningún país latinoamericano coma noutras ocasións.

Francisco mostrou a súa proximidade cos mozos birmanos "comprometidos coa democracia, facendo oír a súa voz de xeito pacífico, sabendo que o odio só pode disiparse co amor" nunha nova mensaxe respecto da situación en Myanmar despois do golpe militar. Falou doutras situacións e conflitos como O Líbano, O Iemen e implorou para que israelís e palestinos encontren de novo a forza para o diálogo para alcanzar unha situación estable que permita a convivencia de dous estados en paz.


Noticias web

04/04/2021