CRTVG

Buscar

O Papa, hospitalizado en Roma para ser operado por un problema de colon

Publicado o 04/07/2021 16:28
O Papa, hospitalizado en Roma para ser operado por un problema de colon

O papa Francisco ingresou esta tarde no hospital policlínico Gemelli de Roma, onde o someterán a unha intervención cirúrxica programada para unha "estenose diverticular sintomática do colon", como informou o Vaticano.

A operación podería ter lugar este mesmo domingo, aínda que este extremo non está confirmado. No Vaticano aseguran que emitirán un comunicado co parte médico unha vez concluída. É a primeira vez que o papa é ingresado por un problema grave de saúde desde a súa elección en 2013.

O pontífice parecía en boa forma só horas antes de que se comunicase a noticia durante a oración do ánxelus este domingo ante milleiros de fieis desde a praza de San Pedro.

Á parte da ciática que lle xera algunha dor nas pernas ao camiñar, o papa gozou ata o de agora de boa saúde durante os seus anos de pontificado.