O papa Francisco pide escoitar os berros dos pequenos vítimas de abusos
O papa anuncia medidas concretas para acabar cos abusos sexuais a menores no seo da Igrexa. Desde hoxe e durante tres días a xerarquía eclesiástica reúnese para abordar a pederastia. Neste cumio sen precedentes escoitáronse os testemuños de cinco vítimas.
A Igrexa fai exame de conciencia dos abusos sexuais a menores cometidos por sacerdotes e relixiosos. 190 representantes da xerarquía eclesial reúnense no Vaticano convocados polo papa nun cumio contra a pederastia. O sumo pontífice recordou a finalidade deste encontro histórico.
"Ante a praga do abuso sexual perpetrado polos homes da Igrexa contra os menores, pensei consultarme con vostedes para que todos xuntos, coa guía do Espírito Santo, poidamos escoitar o berro dos pequenos que piden xustiza".
O papa Francisco pediu "medidas concretas e eficaces" para erradicar os abusos que a Igrexa ocultou durante décadas.
"O santo pobo de Deus míranos e agarda de nós non simples e obvias condenas, senón medidas concretas e efectivas, Necesítase concreción".
Os participantes recibiron 21 propostas que son o punto de partida. Para chegar ás medidas definitivas hai ademais relatorios como o do cardeal das Filipinas Luis Tagle, que non puido conter as bágoas ao falar dos abusos.
Momentos de emoción e tamén momentos de moita dureza ao escoitarse o testemuño de cinco vítimas, como o dunha muller africana que desde os 13 anos ata os 26 sufriu os abusos dun sacerdote que a deixou tres veces embarazada e as tres veces a obrigou a abortar.