CRTVG

Buscar

O Papa Francisco estende o Ano Santo durante 2022 polos efectos da pandemia

Publicado o 31/12/2020 19:02

• A apertura da Porta Santa dá comezo ao Xacobeo 2021-22

Unha catedral completamente renovada foi este xoves o escenario da tradicional apertura da Porta Santa, o ritual que marca o inicio de cada ano xubilar, que este ano será dobre, pois a Santa Sé aprobou unha prórroga especial ata 2022 debido á situación excepcional de emerxencia sanitaria que hoxe está a vivir o mundo.

O acto deste 31 de decembro estivo presidido polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, que guiou unha cerimonia marcada polas restricións de ocupación e o peche perimetral da capital galega, como consecuencia da pandemia.

O Xacobeo 2021 será un ano santo ampliado moi diferente, cheo de incógnitas, e, por tanto, distinto tamén foi o seu acto inaugural, que soamente puideron seguir "in situ" na Praza da Quintana 270 persoas, previa recollida de entradas, e que tampouco contou este ano coa derriba do muro exterior, suprimido para evitar danos no recentemente restaurado templo.

Así, tras once anos de espera, a cerimonia de apertura da Porta Santa celebrouse por e para os galegos, na data sinalada. A procesión litúrxica, que saíu desde a porta de Praterías coa música do compositor galego Juan Durán de fondo, foi este ano máis reducida; apenas uns 40 relixiosos xunto ao delegado rexio e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dirixíronse ata a fachada oriental da basílica á coñecida como Porta do Perdón.

O sol non apareceu en ningún momento durante esta celebración, marcada polas nubes e a choiva, nunha praza que, con todo, non renunciou a lucir unha gran alfombra floral con motivos xacobeos realizada pola Federación Galega de Alfombristas.

Paraugas, máscaras e distancia social foron as pautas xerais dunha gala máis discreta que outros anos pero que non por iso perdeu a dignidade que tanto a caracteriza. "Un ano máis continuamos con esta venerable tradición compostelá. Esta praza será testemuña durante o ano santo da chegada de peregrinos que veñen non só a venerar os sacros restos do apóstolo Santiago", expresou monseñor Julián Barrio no seu saúdo.

Antes de dar paso á lectura do Evanxeo de San Lucas, o arcebispo desexou "un ano de graza" para todos os que visiten a basílica compostelá "en corpo e en espírito". O nuncio do Papa en España, Bernardito Cleopas Auza, puxo voz a unha carta na que o Papa Francisco manifesta o seu "afecto e proximidade" a todos os que participan neste "momento de graza".

"Ao poñernos en camiño tras as pegadas do Apóstolo saímos do noso propio eu, desas seguridades ás que nos aferramos, pero tendo clara nosa meta. Non somos seres errantes que viran sempre ao redor de si mesmos sen chegar a ningunha parte", leu.

Na súa misiva, o xefe da Igrexa católica sinalou que camiñar é un proceso de "reconversión" no que precisamente a meta "é tan importante como o camiño mesmo" e no que hai que "confiar o corazón" ao compañeiro peregrino e compartir con el "fatigas e logros". "A peregrinación á tumba do apóstolo convértese nunha chamada á misión, a convocar a todos a esa patria cara á que avanzamos", proseguiu Cleopas, que mencionou tres xestos importantes ao chegar á porta Santa: a contemplación do Pórtico da Gloria, o abrazo á imaxe do apóstolo e a participación na eucaristía.

As precipitacións, que amainaron no momento xusto, permitiron que o arcebispo acudise sen paraugas ata a Porta Santa, que golpeou ata tres veces cun martelo, unha peza realizada en 2016 en prata e madeira doada por un matrimonio alemán e que simboliza a acollida de Santiago aos peregrinos xermanos.

Tras os tres golpes, Barrio abriu a porta cunha chave, momento no que repenicaron as campás da catedral, soaron as trompetas do xúbilo e acendeuse a lanterna da Berenguela.

Os diáconos lavaron as xambas da porta con ramas de oliveira e dez peregrinos e representantes da Diocese adornaron este acceso con flores. Despois, o arcebispo recibiu a cruz de Cristo e axeonllouse no limiar da Porta Santa para logo pasar por ela, converténdose no primeiro peregrino en facelo.

Tras el, a comitiva cruzou e percorreu o interior do templo ata o altar maior, onde se oficiou a misa de Acción de Grazas, co botafumeiro de metro e medio e 62 quilos incluído.

Seguindo as recomendacións sanitarias, a eucaristía foi seguida no interior da basílica por un grupo reducido de autoridades e 70 persoas entre o público. 

O Ano Santo celébrase cada vez que o 25 de xullo, data na que se conmemora a festividade de Santiago, coincide en domingo, como xa ocorreu once anos atrás, en 2010, e volverá suceder en 2027.

Con todo, con Compostela confinada perimetralmente, polo menos durante os primeiros días de 2021, prevese un ano Xacobeo discreto, moi lonxe do que ía ser o "maior Xacobeo de todos os tempos" e que estará, como mínimo na súa primeira metade e ata que mellore a situación, moi marcado pola covid-19. 

A cerimonia de apertura da Porta Santa pechouse coa actuacion do gaiteiro Carlos NúñezAdemais de tocar no interior e no exterior da catedral, Núñez fixo de condutor na estrea dun documental coa que unha trintena de artistas dan a benvida ao Xacobeo 2021. Entre eles nomes coñecidos en Galicia e en todo o mundo como Iván Ferreiro, Xabier Díaz, Tanxugueiras, Amaral, Julio Iglesias ou Alejandro Sanz.

16 países retransmitiron a través das súas oficinas de turismo a apertura da Porta Santa. Na praza do Duomo de Milán puido verse a solemne cerimonia nunha pantalla xigante. Tamén no aeroporto de Dublín gozaron do esplendor da nosa catedral, recentemente restaurada. E numerosos galegos residentes en Bos Aires seguen minuto a minuto o comezo deste ano Xacobeo.