O Papa, favorable a pagar o IBI e a retirar as concertinas
O Papa regresou ao Vaticano esta noite pasada tras concluír a súa viaxe a Marrocos, onde fixo unha chamada aos católicos para dialogar co mundo musulmán. Na viaxe de volta chamou a atención das institución europeas para que aborden con humanidade o fenómeno migratorio e non deixen meniños e mulleres en mans de mafias que os explotan.
O Papa despediuse do pobo marroquí cunha misa multitudinaria, onde fixo un chamamento á tolerancia relixiosa e a fraternidade entre católicos e musulmáns. De volta, na habitual conferencia de prensa no avión chamaba a Europa a tomar medidas para atender a emerxencia humanitaria no Mediterráneo: "Se non os acollo debo saber que os deixo afogar ou os deixo en mans das mafias que venderán nenos e mulleres e os torturarán", dixo.
Nunha entrevista televisada esta noite pasada, Francisco amosábase en contra da intención de Donald Trump de construír un valado na fronteira.
E expresábase así sobre as concertinas: "Se a miña nai, o meu fillo ou o meu irmán, necesitados de todo, se arriscan a pasar e lles pasa iso, eu viviríao con moita dor".
Na mesma entrevista amousouse favorable a que a Igrexa pague en España o imposto de bens inmobles, como fai en Italia, cos edificios non destinados a culto nin a fins sociais. "Os homes de Igrexa son cidadáns e teñen que cumprir como cidadáns".
E aínda que dixo que non ten opinión sobre o traslado dos restos de Franco, avogou por restituír a memoria e a verdade sobre os represaliados da guerra civil española que seguen nas cunetas. Referiuse tamén aos abusos sexuais na Igrexa: "O meu traballo é ir limpando e limpando".
Francisco tivo críticas para os empresarios que precarizan as condicións dos seus traballadores e rectificou as súas palabras sobre o feminismo.