CRTVG

Buscar

O Punta Candieira, que permaneceu 14 días retido en Irlanda, regresa a Celeiro

Publicado o 21/06/2021 14:26

O Punta Candieira volveu ao seu porto base, en Celeiro. Atrás quedan os catorce días que o palangreiro permaneceu apresado en Irlanda cos seus tripulantes. Segundo explica o patrón, Vicente Meitín, en ningún momento pescaron en augas territoriais irlandesas, senón que navegaron por elas para advertirlle a un pesqueiro local de que ían pasar por onde estaban situadas as súas redes.

Vicente Meitín Sanjuán, patrón do Punta Candieira: "Cando acabamos de botar o aparello ao mar, topámonos cun barco que viña cara a fóra en dirección ao aparello. Nós dirixímonos a el, non nos contestou e tivémonos que achegar a el. E el que fixo? Gravou todo. E claro, estabamos dentro das 12 millas. Pero tivemos que ir onda el, senón non nos contesta. Fomos para o mar e traballamos sábado e domingo. Xa o sábado veunos unha patrulleira para preguntarnos cantos estabamos a bordo, e o luns viñeron facer unha inspección. Botaron tres horas a bordo e dixéronnos que ao acabar de levantar o aparello que nos dirixíramos a terra".

Os armadores do Punta Candieira, os irmáns García Yáñez, de Cedeira, tiveron que aboar 170.000 euros de fianza para recuperar o barco. O palangreiro volveu unha vez prestou declaración o patrón, que considera que foron utilizados como chibo expiatorio debido aos problemas que atravesa o sector pesqueiro irlandés. Vicente Meitín Sanjuán, patrón do Punta Candieira: "Porque non ten ningún obxectivo complicarse a vida. Non vén a nada. E máis despois de 30 anos que levo indo ao mar, 25 de patrón, tiña necesidade de complicarme a vida? Pero tocoume polo problema que atravesan. Que eu non sabía, claro, que se o soubera non me arrimaba. Nin penso arrimarme".

Tras descansar esta semana en Celeiro, o Punta Candieira regresará o luns vindeiro ao Gran Sol na procura de pescada.

Noticias web

21/06/2021