CRTVG

Buscar

O pacto de estado por Ferrol que propón a Xunta pasa por converter a comarca nun polo enerxético

Publicado o 07/05/2021 17:08

O Consello da Xunta aprobou un documento con propostas para a recuperación económica de Ferrol, a cidade coa taxa de paro máis alta de Galicia. Queren que o documento sexa a base dun pacto de estado pola comarca en que participen todas as administracións. O Goberno galego suxire impulsar a produción de biocombustibles nas Pontes, gas natural licuado na planta de Reganosa de Mugardos, hidróxeno verde e eólica mariña.

A Xunta vai remitir a próxima semana aos concellos, á Deputación da Coruña e ao Executivo central as medidas nas que traballa, co foco en converter Ferrolterra nun polo enerxético que favoreza a súa recuperación económica, para tratar de poder pechar "canto antes" o pacto de estado por Ferrol que puxo sobre a mesa a semana pasada.   

Nestes sete días, representantes da Xunta xa mantiveron contactos con axentes implicados para avanzar en perfilar unha proposta cuxo contido detallaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente económico, Francisco Conde, na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta. 

"Confiamos en que poderemos dar entre todos unha resposta para que a comarca poida saír fortalecida desta crise", dixo Conde, quen garantiu que as medidas terán unha memoria económica que se axustará a unha dimensión temporal de catro anos.