CRTVG

Buscar

O opositor ruso Navalni comparece nunha vista improvisada nunha comisaría

Publicado o 18/01/2021 12:19
O opositor ruso Navalni comparece nunha vista improvisada nunha comisaría

A vista xudicial contra o líder opositor ruso, Alexéi Navalni, comezou hoxe nas dependencias da policía das aforas de Moscova onde se atopa desde que foi detido o domingo pola noite ao seu regreso de Alemaña.

"Isto é o grao máximo de ilegalidade", dixo Navalni ao comezo da vista nun vídeo colgado polos seus colaboradores nas redes sociais.

Navalni, que volveu ao seu país despois de ser envelenado en agosto de 2020 co axente químico Novichok, podería ser condenado a varios anos de cárcere ao non comparecer ante a autoridade por un antigo caso penal.

O Servizo Federal Penal de Rusia, que emitiu en decembro pasado unha orde de busca e captura contra o opositor, dirixiuse aos tribunais para que convertan a pena suspendida de 3,5 anos que lle foi imposta a Navalni nunha firme.

En relación con esa condena, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos deulle a razón a Navalni, que por ese motivo tamén foi inhabilitado como candidato ao Kremlin.

"Por que a vista do tribunal transcorre na policía? Non o entendo", agregou o opositor no vídeo.

Os Estados Unidos, a Unión Europea e organizacións de dereitos humanos demandaron a liberación inmediata do líder da oposición extraparlamentaria, que acusa o presidente ruso, Vladimir Putin, de ordenar o seu asasinato.