CRTVG

Buscar

O 80% da poboación na provincia de Ourense terá restricións para frear o virus

Publicado o 07/10/2020 15:56

Esta media noite entran en vigor as restricións á mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás. Non se poderá entrar ou saír deles sen causa xustificada.

A partir de mañá só se poderá entrar ou saír da cidade por motivos laborais, educativos e sanitarios. As forzas de seguridade poderán esixirnos un xustificante para acreditar estes motivos.

As comarcas do Carballiño, O Ribeiro, Ourense, Allariz, Verín e O Barco retrotráense ao nivel 2. Nalgúns casos, como a comarca enteira do Carballiño e os concellos do Barco e Verín, prohíbense as reunións entre non conviventes.

Día gris no Carballiño para pasar estas últimas horas antes do regreso ao nivel dous.

Mañá, as persoas que non convivan non poderán compartir mesa, nin circularen xuntas pola rúa.

"Descontrolouse o tema bastante nunha poboación tan pequena e paréceme normal. Hai que conteñelo pronto", comenta un veciño.

As novas medidas afectan o Carballiño e a súa comarca, onde viven 26 mil persoas. Adoptáronse polo incremento dos casos: 39 positivos novos nos tres últimos días: "Eu teño un establecemento e xa pasamos por isto, tivemos que ter pechado e non é agradable, pero está a cousa complicada". "Nótase moitísimo. No Carballiño agora está por todos lados, non sabes quen ten e quen non ten. Tes que ter coidado, sempre manter a distancia". "Teño xente cercana que deu positivo e iso non se viu no confinamento anterior", din varios veciños pola rúa.

As mesmas medidas que na comarca do Carballiño aplicaranse, a partir da medianoite, nos concellos do Barco e Verín, onde tamén se prohíben as reunións de non conviventes. Ao nivel 2 pasan tamén outras cinco comarcas da provincia: Valdeorras, Verín, Allariz, O Ribeiro e a comarca de Ourense cidade, que abrangue concellos coma O Pereiro de Aguiar, Esgos ou San Cibrao das Viñas: "Parecer paréceme ben, pero creo que habería que empezar antes e controlar doutra maneira que non se está controlando". "A min paréceme que haberá que facer o que sexa con tal de conter isto, non?", comenta a xente.

As novas restricións, entre os niveis dous e tres, afectan a unha poboación de 240.000 persoas, o 80 por cento dos habitantes da provincia de Ourense.

A incidencia da enfermidade en Ourense é de máis de 417 casos acumulados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes. Unhas medidas que serán exactamente as mesmas que se apliquen tamén no concello limítrofe de Barbadás.

A maioría da provincia, con restricións

Na provincia de Ourense hai 52 concellos en nivel dous. Isto é, cos locais á metade da ocupación, reunións máximas de 10 persoas, nada de consumir en barra e celebracións reducidas. Aquí xa falamos de comarcas enteiras: as de Ourense, O Carballiño, O Ribeiro, Allariz, Verín e Valdeorras. En total son 251.000 persoas, o 81% da provincia.

 

Noticias web

07/10/2020