CRTVG

Buscar

O ocio nocturno poderá abrir ata as 4:00 se a xustiza avala o certificado covid

Publicado o 27/09/2021 19:01

• Os locais que pidan certificado de vacinación terán unha ocupación do 100 % nas terrazas e do 75 % no interior

• O resto poderán seguir abrindo ata as 3 coa ocupación actual

novo protocolo de lecer nocturno prevé a apertura dos locais ata as 4 da mañá sempre que se pida o certificado covid, segundo confirmou este luns o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Rueda explicou que a Xunta vai pedir autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para poñer esta medida, logo de que sexa analizada polo comité clínico que asesora a Consellería de Sanidade na reunión que van manter este martes.

O Tribunal Supremo apoiou que se poida esixir en determinadas situacións epidemiolóxicas e contextos. A Xunta baséase nisto para tentar incorporar a exhibición do carné covid para acceder aos locais de lecer nocturno, un requisito co que o propio sector está de acordo, aínda que pedía, de feito, que fose para todos os locais. 

Deste xeito, tal e como recolle o acordo ao que chegaron os representantes das empresas coa Xunta de Galicia, no lecer nocturno haberá un nivel básico (que se manterá coma ata o de agora) e outro nivel cunha permisividade maior en canto a horario e ocupación.

Así, os locais que opten por non solicitar o certificado poderán abrir ata as 3 e cunha ocupación do 75 por cento no exterior e o 50 por cento no interior, mentres que os establecementos que esixan o certificado poderán facelo ata as 4 da madrugada e ocupar o cen por cento da súa ocupación no exterior e o 75 % no interior.

Rueda sinalou que ao Goberno galego lle gustaría poder poñer en funcionamento este novo protocolo xa esta fin de semana. "Gustaríanos que sexa canto antes; esta fin de semana, perfecto, pero iso depende da resolución que emita o TSXG", dixo Rueda. Así, sinalou que tras este anticipo, o obxectivo é "seguir avanzando" para que nun "horizonte non moi afastado" este sector tamén poida volver á normalidade. 

Outra das cuestións que se debateu é a distancia intepersoal. Polas condicións do lecer nocturno, o sector expresou que non se pode garantir a distancia de 1,5 metros que se pide, por exemplo, para a hostalería. Por iso, argumentan, queren "xeneralizar o certificado covid". Neste sentido, as fontes consultadas por Europa Press explicaron que o protocolo prevé a distancia de 1,5 metros como "aconsellable", pero non como un requisito de obrigatorio cumprimento.

Ademais, outra das claves que se tratou no deseño do protocolo é a ventilación, unha das preocupacións dos expertos que integran o comité clínico e que este luns estiveron tamén representados no encontro coa Xunta e os empresarios. Aínda que hai coincidencia en non exceder os 1000 ppm, quedou pendente como se plasman os requisitos do aire e o tempo de adaptación para un sector que estivo pechado máis dun ano.

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante unha visita este martes ao Hospital Público da Mariña, en Burela, quixo agradecer expresamente a colaboración e predisposición dos representantes do sector para chegar a este acordo.

O protocolo, aclarou, está practicamente terminado, aínda que queda a parte importante de validalo no comité clínico, aínda que tamén precisou que os profesionais que o integran xa coñecen as liñas mestras do mesmo. De feito, trátase do mesmo documento, con pequenos axustes, que se entregou ao sector o pasado venres.

Noticias web

27/09/2021