CRTVG

Buscar

O Obradoiro gáñalle con claridade ao Breogán a unha semana do comezo da ACB

Publicado o 12/09/2021 14:06

O Río Breogán volveu entrar ao partido con atraso e se a esa circunstancia engadimos o acerto do Mombús Obradoiro desde o perímetro atopamos un par de chaves para explicar o cómodo triunfo dos santiagueses ante os lucenses por 19 puntos de renda. Os de Moncho Fernández ofreceron todo un espectáculo desde máis aló da liña de tres puntos: 19 triplas cunha porcentaxe superior ao 50 %.

O mellor nese aspecto do xogo foi Henry Ellenson, con cinco lanzamentos intentados e cinco transformados. O Breogán nese eido non estivo a bo nivel, tan so Kalinoski conseguiu anotar un par de triplas para chegar a un total de 14 puntos, foi o máximo anotador dos lucenses. Musa, con 13 puntos, volveu estar algo desconectado do xogo breoganista. Mahalbasic, o mellor dos de Paco Olmos, obtivo 24 puntos de valoración.

Fer Zurbriguen foi o mellor xogador do encontro: anotou 20 puntos cunha moi boa serie de lanzamentos desde o perímetro. Nesta clásica cita do verán no baloncesto galego, os responsables do EncestaRías quixeron agasallar dous xornalistas que durante décadas narraron os encontros de basquet na Televisión de Galicia. Parabéns pola homenaxe a Ovidio e a Delpont; bo traballo, compañeiros.

Noticias web

12/09/2021