CRTVG

Buscar

O Obradoiro cae ante o Madrid lastrado por un mal inicio (71-87)

Publicado o 23/03/2021 21:45

O Obradoiro caeu ante o Madrid na casa lastrado por un mal inicio de encontro. Van xa 17 derrotas nos últimos 19 partidos. Custoulle un mundo ao Obradoiro entrar no choque.

Aos 5 minutos perdía 4-17 ante un Madrid que paseaba no Sar. Chamou Moncho a filas e o equipo reaccionou cun Enoch sobranceiro baixo os aros ante o coloso Tavares. Botou man da zona para frear o líder da ACB e conseguiuno; ao final do primeiro cuarto a diferenza reducírase a sete puntos. Nesa distancia estivo o encontro ata o descanso.

Cada aceleración do Madrid era respondida polos composteláns. As achegas de Enoch eran compensadas polos puntos de Laprovittola para os brancos.

Tras o descanso apareceu Kassius Robertson como referente no ataque dos de Moncho Fernández. Xa lle custaba máis ao Madrid atopar os puntos que antes tan doadamente obtiña. O Obradoiro púxose a catro no comezo do último cuarto. Pero o acerto exterior de Causeur e Carroll devolveu a diferenza aos 13 puntos para os brancos nos últimos 5 minutos.

Aínda lles quedaba un último esforzo aos de Moncho. Volveron apertar en defensa para tentaren chegar con opcións ao final do encontro. Pero Carroll volveu lucir a súa puntería no lanzamento de 3 e sentenciou o partido. Ao final, a diferenza disparouse para os brancos ata os 16 puntos.

Noticias web

23/03/2021