CRTVG

Buscar

O número de mortos polas inundacións en Alemaña e Bélxica ascende a 200

Publicado o 19/07/2021 20:29

En Alemaña continúa a busca de varios centos de persoas das que non se volveu saber nada desde que hai cinco días as inundacións, provocadas polas chuvias torrenciais, levaran por diante case todo o que atoparon ao seu paso. O número de vítimas mortais elevouse nas últimas horas a 163, segundo o último dato facilitado polas autoridades dos estados de Renania-Westfalia e Renania-Palatinado, os dous máis castigados polo temporal. Mentres, os servizos de emerxencia, aos que se sumou o exército, seguen a traballar sen tregua para restablecer os servizos básicos e as infraestruturas.

Tamén centos de damnificados e voluntarios traballan nos labores de desentullo. En Bélxica, o outro país afectado polo temporal o número de falecidos polas inundacións é de 31. Porén descendeu o número de desaparecidos despois de que as autoridades conseguiran localizar medio cento de persoas das que non se sabía nada. Na rexión de Valonia, a máis castigada, comezan a recuperarse os servizos básicos, e as liñas ferroviarias afectadas xa están en servizo, segundo o Goberno belga.

 

Noticias web

19/07/2021